4 de dezembro de 2009

O pecado orixinal


Certo día, cando aínda non había internet nas casas, Eva e Adán foron a unha tenda de música e viron un cd que lles gustaba, pero custaba un mundo de cartos. Eva propúxolle a Adán mercar só un e pagar a medias, pois coñecía un amigo que podía facerlles unha copia. A outra opción tivera sido non mercar NADA.

Hoxe en día, Adán é enxeñeiro e está a desenvolver unha aplicación propia. Para gardar copias de seguridade do seu traballo ten unha gravadora. Polos cds virxes, pola conexión a internet, polos discos duros, polas memorias usb, pola impresora e polo escáner pagou varias veces o “pecado orixinal” que nunca vai cometer. É máis, cando el decida distribuir o seu programa, ninguén lle vai reportar os cartos do canon, posto que non está afiliado á SGAE (e en caso de estalo só reportaría o 6% dos beneficios, o resto vai para as discográficas (!?) e entidades que xestionan os dereitos de autor).

Outro día, Adán foi a unha ferretería, mercou un coitelo e matou a súa muller. O coitelo non tiña gravado canon ningún, pero cometeu o maior “pecado orixinal”: matou a unha persoa! Habería, pois, que lle poñer un canon aos coitelos cos que pelamos as patacas cada día?? Co canon os cidadáns sabemos que a “piratería” non vai acabar, senón que dalgunha forma estánnos lexitimando esta práctica.

Doutra banda, reflexionemos sobre o término “piratería” cun exemplo que usa decote David Bravo, avogado de todoscontraelcanon.es: Un home vendía xeo polas casas, facía cartos arreo e estaba contento co negocio; ata que un día descubriu que inventaran o frigorífico! Desde aquela deixou o negocio do xeo e adicouse a xestionar un canon sobre os frigoríficos. El vive máis acomodado que antes e tanto lle ten que pola rúa persigan a inmigrantes que venden xeo con frigoríficos “pirata”...

O verdadeiro pecado orixinal foi ter concebido así a SGAE, sempre coa complicidade dos distintos Gobernos do Estado!! A SGAE funciona como unha empresa, onde os accionistas son os “gurús do canon”, catro músicos fracasados, as discográficas e, por último, algúns autores. Eis o verdadeiro paraíso: xestionar os cartos do canon e distribuílos ao seu antollo. Así, un músico que rexistre a súa obra no Rexistro da Propiedade Intelectual e non estea afiliado, non recibirá parte do beneficio dese canon! Converteuse na ditadura da propiedade intelectual. Percorren festas privadas, festivais benéficos cobrando impostos revolucionarios, mentres que as músicas tradicionais e as anónimas están indefensas fronte a apropiacións indebidas! Elimina outras formas de facer cultura: o copyleft, a creative commons, a GPL... e a pasos axigantados está a restrinxir os nosos dereitos fundamentais. Agora tócalle á Lei de Economía Sostible, na que un “comité de expertos” pode decidir o peche de calquera web, que consideren “pirata”. Se cadra mañá xa non podedes ler este mesmo blogue... “Cuídense porque andan sueltos”, que diría Gardel.

23 de outubro de 2009

Andrés Gaos e as casiñas do Orzán


Xa van aló cincuenta anos do pasamento de Andrés Gaos Berea. Con tal efeméride, neste e nos vindeiros meses teñen lugar na Coruña as II Xornadas de Divulgación do Patrimonio Musical Galego, nas que dan vida á maxistralidade da súa música. Son moi de agradecer iniciativas de recuperación da memoria e obra de mestres como Gaos, mais tamén débennos facer reflexionar.

Cómpre laiarse do pouco coñecemento que da música de Gaos temos os galegos e, de xeito especialmente grave, os coruñeses. Ora por preguiza, ora por escasa divulgación por parte dos poderes públicos, o certo é que son case nulos os nosos coñecementos sobre os compositores máis próximos como Gaos, Alberto Garaizábal, Xosé Baldomir, Mauricio Farto... comparados con músicos estranxeiros da súa mesma época: Strauss, Chaikovski, Prokófiev, Ravel... ou comparados incluso con algúns do mesmo estado español, como Manuel de Falla ou Albéniz.

De Gaos, poucos no Orzán sabemos que aínda está en pé a casa onde naceu e os máis temos noticia diso grazas a unha placa que tan emotivamente colocou hai ben anos o colectivo "O Facho". A súa casa segue resistindo á choiva, ao vento e á pasividade de todos nós. É tremendamente indignante!

Ben pensado, a Coruña aseméllase a unha froita de escaparate: bonita por fóra e podre por dentro! A codia fórmana os sucesivos paseos marítimos, con bandeiras de postín e unha balaustrada inútil que o bravo mar non cansa de tirar; o cerne son as fermosas casas de galería arruinadas sen que ninguén lles poida valer, memoria doutrora condenada a morrer. Xa ninguén quere ensinar as rúas do Orzán aos forasteiros. Semellan proscritas a un exilio sen retorno. Noutras latitudes, Gaos xa tería unha casa-museo e no barrio brillarían con luz propia todas as brancas galerías co sol da mañá!

Con todo, desde a Concellería de Rehabilitación Urbana están a facer esforzos en recuperar espazos e casas no barrio do Orzán. Un paso necesario, pero ata agora insuficiente, pois de momento o tempo e os intereses dalgúns especuladores gañan con creces a batalla da destrución.

Veciños do Orzán, orgullo da Coruña, orgullo do País, loitade para que non apodreza nin a memoria de Gaos nin as casiñas do Orzán!






De Andrés Gaos, extracto da Sonata para Violín e Piano Op.37

Consultar programación das II Xornadas de Divulgación do Patrimonio Musical Galego.

24 de setembro de 2009

Os Coros das Irmandades


Que é un Coro Galego?

Trátase dun conxunto de gorxas bravas que cantan a emoción da Terra cos instrumentos propios para ela: a gaita, o tamboril, a pandeireta... Foliadas, maneos, pandeiradas, alalás... cántigas que petan no peito da nosa alma colectiva e chaman a soñar o amor dos galegos a este chan.

Cando e por que nacen os Coros das Irmandades?

Os pioneiros foron Aires d'a Terra (1883-1914), quen se atreveron a vestir o traxe do País para reivindicar o canto en galego sen complexos. Logo xurdiron as vinteoito Irmandades da Fala (1916-1931) para crear Coros e Teatro por todo o País, pragmatizando o primeiro idearium nacionalista para a nosa cultura. Algúns dos Coros das Irmandades chegan ata nós sobrevivindo nos tempos máis que difíciles das dúas ditaduras, cantando sempre en galego.

Os nosos Coros, hoxe históricos, naceron dentro do idearium das Irmandades da Fala, loitando pola recuperación integral da nosa identidade nacional, tan azoutada aínda nos nosos días; pola necesidade mesma de sensibilizarnos, como pobo, de todo o patrimonio material e inmaterial que nos arrodea.

O Ciclo de Coros Históricos

Trátase pois dunha xuntanza de Irmandade entre os Coros decanos de Galiza, organizada por Cántigas da Terra no teatro Rosalía Castro. Con esta iniciativa preténdese achegar á xente este xeito de expresión tan noso e, a un tempo, tan esquecido. Quen tomamos a iniciativa de organizalo pensamos que os Coros son a expresión musical dun pobo, o noso, que debe coller con urxencia o tren da memoria ou corre o risco de que as sucesivas roturas xeracionais o deixen amnésico para sempre.

O V Ciclo de Coros Históricos vén cargado de propostas diversas: música, teatro, regueifas e un audiovisual. Ademais, para ir erguendo os ánimos, os venres anteriores a cada un dos concertos Cántigas da Terra estará nas rúas da Coruña.

3 de setembro de 2009

...e xa van cinco anos que nos deixou o Manuel






Ollada a Terra Cha dende as alturas

é semellante a un mar en calma.
Pra medila so valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma!
(Do poemario Terra Cha)





...e xa van cinco anos que nos deixou o Manuel. O noso muiñeiro de brétemas marchou pol'as rúas do vento ceibe. E aquí ficamos nós, sen ti, morrendo a cada intre, c'os soños na gaiola. Mais tamén sei abofé que loitaremos cos teus poemas pra construir unha patria.
Terra Cha, meu irmán!






Da súa voz... Acuso á clase media (Manuel María)