4 de dezembro de 2009

O pecado orixinal


Certo día, cando aínda non había internet nas casas, Eva e Adán foron a unha tenda de música e viron un cd que lles gustaba, pero custaba un mundo de cartos. Eva propúxolle a Adán mercar só un e pagar a medias, pois coñecía un amigo que podía facerlles unha copia. A outra opción tivera sido non mercar NADA.

Hoxe en día, Adán é enxeñeiro e está a desenvolver unha aplicación propia. Para gardar copias de seguridade do seu traballo ten unha gravadora. Polos cds virxes, pola conexión a internet, polos discos duros, polas memorias usb, pola impresora e polo escáner pagou varias veces o “pecado orixinal” que nunca vai cometer. É máis, cando el decida distribuir o seu programa, ninguén lle vai reportar os cartos do canon, posto que non está afiliado á SGAE (e en caso de estalo só reportaría o 6% dos beneficios, o resto vai para as discográficas (!?) e entidades que xestionan os dereitos de autor).

Outro día, Adán foi a unha ferretería, mercou un coitelo e matou a súa muller. O coitelo non tiña gravado canon ningún, pero cometeu o maior “pecado orixinal”: matou a unha persoa! Habería, pois, que lle poñer un canon aos coitelos cos que pelamos as patacas cada día?? Co canon os cidadáns sabemos que a “piratería” non vai acabar, senón que dalgunha forma estánnos lexitimando esta práctica.

Doutra banda, reflexionemos sobre o término “piratería” cun exemplo que usa decote David Bravo, avogado de todoscontraelcanon.es: Un home vendía xeo polas casas, facía cartos arreo e estaba contento co negocio; ata que un día descubriu que inventaran o frigorífico! Desde aquela deixou o negocio do xeo e adicouse a xestionar un canon sobre os frigoríficos. El vive máis acomodado que antes e tanto lle ten que pola rúa persigan a inmigrantes que venden xeo con frigoríficos “pirata”...

O verdadeiro pecado orixinal foi ter concebido así a SGAE, sempre coa complicidade dos distintos Gobernos do Estado!! A SGAE funciona como unha empresa, onde os accionistas son os “gurús do canon”, catro músicos fracasados, as discográficas e, por último, algúns autores. Eis o verdadeiro paraíso: xestionar os cartos do canon e distribuílos ao seu antollo. Así, un músico que rexistre a súa obra no Rexistro da Propiedade Intelectual e non estea afiliado, non recibirá parte do beneficio dese canon! Converteuse na ditadura da propiedade intelectual. Percorren festas privadas, festivais benéficos cobrando impostos revolucionarios, mentres que as músicas tradicionais e as anónimas están indefensas fronte a apropiacións indebidas! Elimina outras formas de facer cultura: o copyleft, a creative commons, a GPL... e a pasos axigantados está a restrinxir os nosos dereitos fundamentais. Agora tócalle á Lei de Economía Sostible, na que un “comité de expertos” pode decidir o peche de calquera web, que consideren “pirata”. Se cadra mañá xa non podedes ler este mesmo blogue... “Cuídense porque andan sueltos”, que diría Gardel.

3 comentários:

  1. Pois claro que si. Trátannos de delincuentes gravando con impostos todos os aparellos que poidan gravar, como se tivesen de ser usados para a piratería. Mesmo baixar a un cd as fotos da túa cámara implica pagar.

    Por outra banda, vexo como é que obrigan a moita xente a ser pirata. Xa máis dunha vez, vendo deuvedés de series ou pelis a bo prezo, asequíbeis para o peto, encóntrome que non están disponíbeis en galego, malia seren dobradas á nosa língua. E que estou obrigado a ir ao emule para poder ver Aló Aló en galego? por poñer un caso.

    E máis cousas. Aínda que estea dacordo en que teñamos que pagarlles aos autores pola música que eles fan, por que lle teño que pagar a SGAE por comprar un disco de música portuguesa? por poñer outro caso.

    E xa postos, coido que con toda a razón que poida asistir aos autores, a SGAE peca do mesmo espírito pirata que denuncia. Aí está o que antes dixen, que teño que pagar un canón polas miñas propias fotos ou polas miñas copias domésticas de música (e non é eufemismo, porque visto o fráxil e caro dos cedés, fago copias para escoitar no carro).
    E xa me parece vergoñento que lle pretendan cobrar o canón aos autores que interpretan música tradicional!!!

    Así que con toda a razón que poidan ter en aspeitos concretos, acrédito no "cuidense porque andan sueltos".

    ResponderExcluir
  2. Subscribo totalmente as túas verbas, Lois! Graciñas pola túa aportación, meu.

    ResponderExcluir
  3. oe ho, vai actualizando un pouco isto, que está máis parado que a cola do INEM.......
    Saúdos

    ResponderExcluir