13 de junho de 2011

Carlos Rodríguez (1916-2010), o valor dun gaiteiro autodidacta









Carlos Rodríguez
(á dereita)
tocando
con
Marcelino Villanueva.


Peabody é unha vila estadounidense ao norte de Boston e Paradaseca, unha aldea galega pertiño de Quiroga. Carlos Rodríguez foi un músico daquí e dacolá, pois naceu nos EEUU mais veu vivir á terra do seu pai. Desta banda aprendeu a tocar a gaita, sentindo a Manuel Rodríguez, Gaiteiro do Toxo, e a Felisa de Bendilló, unha das mulleres pioneiras neste instrumento. Tamén aprendeu solfexo e mesmo algo de clarinete da man do seu proxenitor. Axiña comezou a facer arranxos para 'Os Trintas de Trives'.

De clara filiación socialista, incorporouse ás Sociedades Agrarias na II República e isto custoulle andar escapado até que no 38 tivo que se entregar ás autoridades do novo réxime, vindo cumprir cadea á Coruña. Pasada a guerra concedéronlle a liberdade, probabelmente despois de que o seu pai pagase a influencia dalgún cacique. De volta en Paradaseca fundou 'Os Celtas', un grupo co que alegrar as xentes compensando as miserias da posguerra. Tamén participou da orquestra 'Ideal Monfortina'. Así, pouco a pouco e de xeito autodidacta, foi completando a súa formación musical con libros que solicitaba por correo.

No ano 50, facendo valer a súa condición de cidadán norteamericano, retornou á terra que o viu nacer. Sumouse axiña a un dos proxectos republicanos da diáspora: Casa Galicia de New York. Nela fundou o grupo de gaitas 'Terra, a Nosa' e colaborou intensamente no coro 'Airiños'. Nesta etapa tamén tocou en varias orquestras que animaban os bailes nas fins de semana, sendo 'Ecos de España' a máis sinalada. Ao se retirar, creou unha 'big band' e cultivou fecundamente as súas outras paixóns: a pintura e a fotografía.

A contribución de C. Rodríguez á música de noso destaca pola creación dun método de gaita (seguramente o primeiro da diáspora) que non chegou a rematar e, sobre todo, por un excelente cancioneiro musical froito de máis de vinte anos de traballo. Sen dúbida, a importancia e a base deste seu legado reside, ademais do traballo de campo (aquí e acolá), na boa relación que mantivo cos coros 'De Ruada' e 'Toxos e Froles', de onde obtivo boa parte da información. Recorda en boa medida ao labor doutro grande da nosa música, Bal e Gay. Con todo, o broche de ouro a tan inmensa tarefa foron as melodías recollidas durante a súa estadía forzosa na Coruña. Aquí tomou contacto cos principais cuartetos mariñáns e con compañeiros reclusos que lle proporcionaron substanciosas cadencias que mesmo hoxe se consideraban perdidas. Sábese que non foi doada a recompilación, pois as máis das veces tiña que trazar as liñas do pentagrama cunha simple vara.

A base autodidacta e a constancia deste home deben seren consideradas como un gran exemplo do amor ás cousas da Terra, incluso nas condicións tan duras que lle tocou vivir. Vaia pois un sentido recordo para el neste primeiro cabodano que agora se cumpre.

Nenhum comentário:

Postar um comentário