23 de outubro de 2009

Andrés Gaos e as casiñas do Orzán


Xa van aló cincuenta anos do pasamento de Andrés Gaos Berea. Con tal efeméride, neste e nos vindeiros meses teñen lugar na Coruña as II Xornadas de Divulgación do Patrimonio Musical Galego, nas que dan vida á maxistralidade da súa música. Son moi de agradecer iniciativas de recuperación da memoria e obra de mestres como Gaos, mais tamén débennos facer reflexionar.

Cómpre laiarse do pouco coñecemento que da música de Gaos temos os galegos e, de xeito especialmente grave, os coruñeses. Ora por preguiza, ora por escasa divulgación por parte dos poderes públicos, o certo é que son case nulos os nosos coñecementos sobre os compositores máis próximos como Gaos, Alberto Garaizábal, Xosé Baldomir, Mauricio Farto... comparados con músicos estranxeiros da súa mesma época: Strauss, Chaikovski, Prokófiev, Ravel... ou comparados incluso con algúns do mesmo estado español, como Manuel de Falla ou Albéniz.

De Gaos, poucos no Orzán sabemos que aínda está en pé a casa onde naceu e os máis temos noticia diso grazas a unha placa que tan emotivamente colocou hai ben anos o colectivo "O Facho". A súa casa segue resistindo á choiva, ao vento e á pasividade de todos nós. É tremendamente indignante!

Ben pensado, a Coruña aseméllase a unha froita de escaparate: bonita por fóra e podre por dentro! A codia fórmana os sucesivos paseos marítimos, con bandeiras de postín e unha balaustrada inútil que o bravo mar non cansa de tirar; o cerne son as fermosas casas de galería arruinadas sen que ninguén lles poida valer, memoria doutrora condenada a morrer. Xa ninguén quere ensinar as rúas do Orzán aos forasteiros. Semellan proscritas a un exilio sen retorno. Noutras latitudes, Gaos xa tería unha casa-museo e no barrio brillarían con luz propia todas as brancas galerías co sol da mañá!

Con todo, desde a Concellería de Rehabilitación Urbana están a facer esforzos en recuperar espazos e casas no barrio do Orzán. Un paso necesario, pero ata agora insuficiente, pois de momento o tempo e os intereses dalgúns especuladores gañan con creces a batalla da destrución.

Veciños do Orzán, orgullo da Coruña, orgullo do País, loitade para que non apodreza nin a memoria de Gaos nin as casiñas do Orzán!






De Andrés Gaos, extracto da Sonata para Violín e Piano Op.37

Consultar programación das II Xornadas de Divulgación do Patrimonio Musical Galego.