24 de setembro de 2009

Os Coros das Irmandades


Que é un Coro Galego?

Trátase dun conxunto de gorxas bravas que cantan a emoción da Terra cos instrumentos propios para ela: a gaita, o tamboril, a pandeireta... Foliadas, maneos, pandeiradas, alalás... cántigas que petan no peito da nosa alma colectiva e chaman a soñar o amor dos galegos a este chan.

Cando e por que nacen os Coros das Irmandades?

Os pioneiros foron Aires d'a Terra (1883-1914), quen se atreveron a vestir o traxe do País para reivindicar o canto en galego sen complexos. Logo xurdiron as vinteoito Irmandades da Fala (1916-1931) para crear Coros e Teatro por todo o País, pragmatizando o primeiro idearium nacionalista para a nosa cultura. Algúns dos Coros das Irmandades chegan ata nós sobrevivindo nos tempos máis que difíciles das dúas ditaduras, cantando sempre en galego.

Os nosos Coros, hoxe históricos, naceron dentro do idearium das Irmandades da Fala, loitando pola recuperación integral da nosa identidade nacional, tan azoutada aínda nos nosos días; pola necesidade mesma de sensibilizarnos, como pobo, de todo o patrimonio material e inmaterial que nos arrodea.

O Ciclo de Coros Históricos

Trátase pois dunha xuntanza de Irmandade entre os Coros decanos de Galiza, organizada por Cántigas da Terra no teatro Rosalía Castro. Con esta iniciativa preténdese achegar á xente este xeito de expresión tan noso e, a un tempo, tan esquecido. Quen tomamos a iniciativa de organizalo pensamos que os Coros son a expresión musical dun pobo, o noso, que debe coller con urxencia o tren da memoria ou corre o risco de que as sucesivas roturas xeracionais o deixen amnésico para sempre.

O V Ciclo de Coros Históricos vén cargado de propostas diversas: música, teatro, regueifas e un audiovisual. Ademais, para ir erguendo os ánimos, os venres anteriores a cada un dos concertos Cántigas da Terra estará nas rúas da Coruña.

3 de setembro de 2009

...e xa van cinco anos que nos deixou o Manuel






Ollada a Terra Cha dende as alturas

é semellante a un mar en calma.
Pra medila so valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma!
(Do poemario Terra Cha)





...e xa van cinco anos que nos deixou o Manuel. O noso muiñeiro de brétemas marchou pol'as rúas do vento ceibe. E aquí ficamos nós, sen ti, morrendo a cada intre, c'os soños na gaiola. Mais tamén sei abofé que loitaremos cos teus poemas pra construir unha patria.
Terra Cha, meu irmán!






Da súa voz... Acuso á clase media (Manuel María)

21 de agosto de 2009

A língua na música do País


Calquera persoa interesada na análise dunha determinada cultura (incluída a hexemónica) vai atopar ao comezo do seu camiño a ineludíbel presenza da globalización, tanto na súa dimensión espacial como temporal. Espacial entanto erradica a idiosincrasia e o xeito entender a vida de cada povo, de cada familia, de cada persoa. Temporal entanto racha a transmisión interxeracional do saber colectivo e da experiencia. Todo isto vese substituído ás présas por valores e coñecementos deslocalizados e impersoais, tal que un tsunami. O resultado é unha amnesia do propio na memoria colectiva e polo tanto o inicio dun camiño descoñecido no que nos afunde o medo a ollar cara atrás.

As máis das ferramentas e enxeños empregados na sociedade rural caen en desuso e desacreditación ao seren substituídos por tecnoloxías máis desenvolvidas, habitualmente procedentes doutras latitudes. Os costumes mudan radicalmente, sobre todo coa emigración ás cidades e coa aparición dos medios de masas. O galego convéncese a si propio de que o cambio foi necesario e olla con desprezo a realidade que abandona. Mete no mesmo saco do esquecemento todos os compoñentes da súa antiga vida e evita transmitirlle esa memoria aos fillos! Carros, zocas, arados, muíños... mais tamén verbas, topónimos, xiros, música, técnicas, xeitos de ser: o coñecemento todo!! No mellor dos casos estes saberes ficarán como elementos de museo, cando non esquecidos irremediabelmente. Por qué a realidade inmaterial tamén é relegada?

No aspeito musical, Galiza comezou xa a fins do século XIX a tomar conciencia deste problema de base. Grandes estudosos comezan a recoller melodías, xiros, letras... mais tamén tentan proxectar este legado cara o futuro e crean os coros galegos, nesta etapa sempre asociados ao agromar do nacionalismo galego. Exprésanse musicalmente na língua Nai. Non hai lugar para letras en castelán. En troques, hoxe en día moitas agrupacións, pretendendo reflexar “tal cual” as recollas, presentan ao público letras nos dous idiomas.

É pois esencial distinguir por un lado as propias recollas como documento histórico e por outro o que se pretende facer con elas. A decisión dos coros e de moitos grupos folque para expresarse só en galego diante do público (aínda sendo conscientes das recollas en castelán) responde aos seguintes postulados:

- As letras e as músicas populares son esencialmente “independentes”. Mudan tanto espacial como temporalmente.
- As letras en castelán son de recente creación ou importadas. Nunca arraigadas no povo xeracionalmente.
- Como documento, as recollas deben ter garantida a máxima fidelidade aos seus informantes. Como presentación ao público e proxección cara o futuro, débense garantir aqueles aspeitos esenciais para a preservación da cultura galega, desbotando mesmo se for necesario aqueloutros máis recentes que poñan en xaque esta idiosincrasia (tal é o caso do castelán).

Á luz destes principios pódese observar que non é tan crítica esta “perda” de fiabilidade, senón mellor aínda: un verdadeiro xeito de preservación da xenuinidade. Cómpre o intervencionismo. Non hai lugar para ollar tras do vidro e agardar como o teito da casa se derruba. O tempo dirá quen tiña razón.

13 de agosto de 2009

Pontevedra, 31 de agosto do 1919


Tal que a fala, a música galega tivo Precursores, Rexurdimento e Irmandades. Os Precursores foron os músicos románticos do s.XIX como Veiga, Montes ou Chané, quen recompilaron, harmonizaron e compuxeron innumerábeis temas en clave de País. O Rexurdimento veu da man de Perfecto Feijoo e Aires d'a Terra, primeiro coro galego, que se atreveron a vestir o traxe do País e interpretar as melodías máis nosas cos instrumentos propios para elas: a gaita, o tamboril, o pandeiro... Por último, as Irmandades fórmanas os sucesivos coros que souberon dar forma á idea de Feijoo, chegando a aunar toda a cultura como nunca antes se tivera feito.


Un feito singular foi a homenaxe que os coros lle brindan a Feijoo en agradecemento a tan fecundo labor. Empregando como base o libro “Aires d'a Terra. La poesía musical de Galicia” do gran estudoso José Luis Calle, téntanse reproducir estes acontecementos. A partir desta homenaxe, institucionalizouse nas festas pontevedresas o chamado “día galego”, hoxe xa perdido.


Ás doce da mañá fan os coros a súa entrada en Pontevedra. Os ánimos están levantados e o tenente de alcalde Guiance saúdaos deste xeito: “Aquí tedes a vosa casa e en todo aquelo que sexa necesario estamos ao voso dispor como verdadeiros irmáns da terra galega. Viva Galicia! Viva Feijoo!”.


Ás catro coristas e gaiteiros, ataviados co traxe do País, toman asento nos escaños da casa do concello. O homenaxeado preside o pleno. Falan o alcalde pontevedrés e o presidente de Toxos, ensalzando a obra de Feijoo e fanlle entrega do pergamiño no que o nomean presidente de honra. De seguido, Alfonso Fraga, corista de Cántigas da Terra, recita unha composición de Cabanillas feita expresamente para o acto e un grupo de rapazas coróano cunha lira de loureiro. Finalmente, Feijoo remata a sua intervención, conmovido, con estas verbas: “Eu nada vallo, nin nada son, máis que un gaiteiro que ama de corazón as cousas da terra. Ante esta homenaxe que se me dispensa só sei dicir: grazas, moitas grazas, e teño que rematar convidándovos a que berredes comigo viva Galicia! Vivan os coros galegos!”. Todos en pé entoan o himno de Pondal.


Ás seis comeza a festa na abarrotada praza de touros. Interveñen a banda municipal e os coros que homenaxean: Toxos e Froles (Ferrol), Cántigas e Aturuxos (Lugo), Agrupación Artística (Vigo), Cántigas da Terra (A Coruña), De Ruada (Ourense), Foliadas e Cántigas (Pontevedra) e Agarimos da Terra (Mondariz). Intercaladas con foliadas, pandeiradas e maneos sucédense as regueifas dalgúns coristas que aluden ao laureado:


Hei cantar e cantar

mais que revente o peito

pois canto por festexar

ao querido don Perfeuto!


Todas as sogras han d'ir

de cabeza pra o inferno,

menos aquelas que toquen

a gaita de don Perfeuto!


Rematado o festival, os coros voltan ao concello onde sirven uns pinchos. Alí, Uxío Labarta le un simpático poema que alude aos seus amigos do Lérez e Castelao cun fermoso discurso dá forma ao sentir colectivo. De seguido, Feijoo levaos a todos á súa botica para cantar e bailar ao xeito. As rúas e prazas da Boa Vila son fervedoiro de música con tan soado acontecemento. A festa prolóngase ata ben entrada a noite.