7 de agosto de 2009

Xosé Cardelle Portos


Cardelle foi un deses gaiteiros que honraron á Coruña e a todo o País cun porte que non deixaba indiferente a ninguén. Pertenceu á pleiade de gaiteiros que chegaron á Cascarilla procedentes de toda Galiza (el, de Boimorto), compoñendo unha cidade pangalaica digna do seu ser nacional.

Podería falarvos de moitas historias que escoitei por boca de quen o coñecían ben, mais non é ese o meu cometido, pois non hai mellor froita que a collida da árbore por vós mesmos. Así que agora tomarei un viño convosco contando a miña relación con el, curta no tempo (mágoa!), pero de gran impronta no meu ser gaiteiro.

Para el non había mellor festa no mundo que o Demo da Mota, esa que ten lugar dúas veces no ano entre Boimorto e Arzúa. Unha fermosa carballeira, rodeada de eucaliptos, metáfora dunha illa virxe resistíndose a ser colonizada. Coñecino alí e alí escoiteino tocar por primeira vez, coa súa gaita en Fa grave. Ricardo Santos tíñame dito decote que non había vibrato como o del: bravo e sedoso a un tempo! Unha aparente oposición de termos que se disipou nada máis sentilo. Incluso semelloume a oración profana do gaiteiro, un laio de redención!

Aos anos seguintes xa fomos xuntos, os meus e mais el. Encargaba un lacón perto da súa casa de Montrove e iamos de romaría. Moito nos prestaba. Con el aprendín que a carballeira prantárona aqueles que voltaban da Guerra para deixaren a súa pegada de vida e esperanza nos seus. Alí moitos tiñan ansias por tocar, por lucir as súas artes. Nós, os que opinamos que escoitando apréndese máis que tocando, reivindicabamos un oco para el, mais el agardaba paciente o seu momento. Ora ben, cando botaba unha peza, o seu amor á natureza facía agromar do seu punteiro poliñas e follas de carballo e a súa gaita enchía de vida aquelas árbores da carballeira dos mortos e dos vivos, das víctimas e dos verdugos.

Para rematar, permitide o meu atrevemento: Xosé Cardelle foi o meu "avó" gaiteiro, quero dicir, musicalmente falando. El "pariu" un dos mellores gaiteiros dos nosos días: Ricardo Santos e foi compañeiro de tocatas doutro mestre gaiteiro, Raúl Galego. E á súa vez, eles botaron e botan moitas horas da súa vida a me facer gaiteiro.

Hai uns días marchou coa súa gaitiña a outros lares. Nós prantaremos un carballo na Mota para que siga enchendo coa súas notas de cor verde a súa querida carballeira.

Xosé Cardelle, mestre gaiteiro!

Nenhum comentário:

Postar um comentário