13 de junho de 2011

Carlos Rodríguez (1916-2010), o valor dun gaiteiro autodidacta









Carlos Rodríguez
(á dereita)
tocando
con
Marcelino Villanueva.


Peabody é unha vila estadounidense ao norte de Boston e Paradaseca, unha aldea galega pertiño de Quiroga. Carlos Rodríguez foi un músico daquí e dacolá, pois naceu nos EEUU mais veu vivir á terra do seu pai. Desta banda aprendeu a tocar a gaita, sentindo a Manuel Rodríguez, Gaiteiro do Toxo, e a Felisa de Bendilló, unha das mulleres pioneiras neste instrumento. Tamén aprendeu solfexo e mesmo algo de clarinete da man do seu proxenitor. Axiña comezou a facer arranxos para 'Os Trintas de Trives'.

De clara filiación socialista, incorporouse ás Sociedades Agrarias na II República e isto custoulle andar escapado até que no 38 tivo que se entregar ás autoridades do novo réxime, vindo cumprir cadea á Coruña. Pasada a guerra concedéronlle a liberdade, probabelmente despois de que o seu pai pagase a influencia dalgún cacique. De volta en Paradaseca fundou 'Os Celtas', un grupo co que alegrar as xentes compensando as miserias da posguerra. Tamén participou da orquestra 'Ideal Monfortina'. Así, pouco a pouco e de xeito autodidacta, foi completando a súa formación musical con libros que solicitaba por correo.

No ano 50, facendo valer a súa condición de cidadán norteamericano, retornou á terra que o viu nacer. Sumouse axiña a un dos proxectos republicanos da diáspora: Casa Galicia de New York. Nela fundou o grupo de gaitas 'Terra, a Nosa' e colaborou intensamente no coro 'Airiños'. Nesta etapa tamén tocou en varias orquestras que animaban os bailes nas fins de semana, sendo 'Ecos de España' a máis sinalada. Ao se retirar, creou unha 'big band' e cultivou fecundamente as súas outras paixóns: a pintura e a fotografía.

A contribución de C. Rodríguez á música de noso destaca pola creación dun método de gaita (seguramente o primeiro da diáspora) que non chegou a rematar e, sobre todo, por un excelente cancioneiro musical froito de máis de vinte anos de traballo. Sen dúbida, a importancia e a base deste seu legado reside, ademais do traballo de campo (aquí e acolá), na boa relación que mantivo cos coros 'De Ruada' e 'Toxos e Froles', de onde obtivo boa parte da información. Recorda en boa medida ao labor doutro grande da nosa música, Bal e Gay. Con todo, o broche de ouro a tan inmensa tarefa foron as melodías recollidas durante a súa estadía forzosa na Coruña. Aquí tomou contacto cos principais cuartetos mariñáns e con compañeiros reclusos que lle proporcionaron substanciosas cadencias que mesmo hoxe se consideraban perdidas. Sábese que non foi doada a recompilación, pois as máis das veces tiña que trazar as liñas do pentagrama cunha simple vara.

A base autodidacta e a constancia deste home deben seren consideradas como un gran exemplo do amor ás cousas da Terra, incluso nas condicións tan duras que lle tocou vivir. Vaia pois un sentido recordo para el neste primeiro cabodano que agora se cumpre.

3 de janeiro de 2011

A importancia da regueifa

















Unha das habilidades máis fermosas do ser humano é a improvisación. Non só é un recurso imprescindible decote, senón que as máis das veces asombra por ser tan áxil e creativa. De xeito inherente, vive nas culturas de todos os pobos, onde moitos deles xa a transformaron en arte. A arte da improvisación aparece sempre asociada a outros xéneros culturais e resulta ser a fonte principal de creación colectiva. Un torrente de ideas que, a modo de peneira, garda no imaxinario común aquelas composicións que máis gostan, mentres que o resto marchan por onde viñeron.

Dentro das múltiples formas en que se presenta, a improvisación oral é a máis estendida por razóns lóxicas de dominio da linguaxe. Tamén dentro da oral, as variantes cóntanse por centos, xogando con elementos como a rima, métrica, o léxico, as aliteracións... Na nosa Terra a improvisación máis coñecida e estendida é a regueifa, aínda que existen variantes como os brindos ou as loias, todas elas baseadas na rima.

O seu uso máis estendido era nos casamentos, onde se celebraba un baile co pan de vodas: a regueifa. Con todo, cremos que esta arte naceu nas fiadas, muiñadas, mallas, seráns, foliadas... festas colectivas onde os veciños sacaban cuartetos a eito, e daí ao desafío hai unha estrada seguida. Aquelas coplas de máis éxito ficaban no maxín e viaxaban de aldea en aldea, moitas delas chegando ata nós. Case de certo que algunhas das máis soadas naceron en regueifa:

“Vai calando, vai calando
cara de cañoto seco
vai calando, vai calando,
que contigo non me meto”

“Arriba pandeiro roto,
abaixo manta mollada,
que onde estamos as mulleres
os homes non valen nada”

“Unha noite me colleron
nunha fiada de la(n)
unha noite me colleron
outra non me collerán”

A regueifa xa foi tomada en consideración e posta en valor co nacemento dos Coros Galegos. No primeiro terzo do século XX, estas agrupacións levaron aos teatros e campos da festa loias e regueifas con idea de dignificar este patrimonio colectivo. Sobre a escena dous regueifeiros: Xosé Cao da Artística de Vigo e Xan Pena de Cántigas da Terra. Deste último sabemos que aprendeu esta arte asistindo regueifas tradicionais, especialmente na zona de Bergantiños.

Nesa Terra dase tan ben a regueifa como o pan ou as patacas. Así, en tempos máis recentes, é de xustiza lembrar a xenial mestría dos bergantiñáns Costa de Xaviña, Calviño de Tallo, Celestrino de Leduzo (Cerqueda) e tantos outros que xa non están entre nós. E os que aínda reparten moita alegría: Fermín da Feira Nova (Coristanco), Guillermo da Rabadeira e Antonio e Suso de Xornes. Eles están a colaborar coas asociacións para levar a regueifa aos máis novos nas escolas, presentándoo como un legado dos nosos maiores divertido e enxeñoso. Tamén por todo o País regueifan Pinto d’Herbón, Trioliro Regueifeiros (Luis O Caruncho, Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira), Xurxo Souto... e cada vez somos máis os que nos sumamos a esta arroutada creativa. Mesmo en Valadares crearon unha escola de regueifa que está a formar unha excelente canteira.

Eis a liña de traballo que nos cómpre. A vida dunha cultura e, por ende, a do pobo ao que pertence mídese polo estadio de creación anónima. Sen dúbida, a regueifa ten que ser a nosa banda sonora no día a día. Na taberna, paseando, no mercado, agardando o bus... calquera lugar é propio para regueifar e sermos poetas e protagonistas da invención colectiva.

“Por hoxe xa me despido,
cunha regueifa das miñas:
vivan sempre os d’A Xanela,
e a bisbarra das Mariñas!”

27 de setembro de 2010

Lembrando a Xosé Iglesias Roura (1879-1930)


Hoxe cúmprense 80 anos do pasamento de Xosé Iglesias Roura (Porto do Son, 28/04/1879 - Mera, 27/09/1930). Este home, inxustamente esquecido, foi avogado, tradutor, poeta e tamén dramaturgo. O seu labor na Coruña é (e será por sempre) impagábel.

Foi membro da Academia Galega e un dos promotores das Irmandades da Fala, xunto cos Vilar Ponte. Traballou intensamente na tradución ao galego de poetas e escritores franceses, italianos, alemáns e cataláns.

A Iglesias Roura debemos que a Real Academia Galega fose acollida no casa do concello coruñés, cando tiveron que abandonar a sede en Rego d'Auga. Tamén foi grazas á súa xenerosidade que A Nosa Terra, na súa etapa nacionalista (1916), puido comezar a editarse, cedendo o seu despacho do Cantón Grande.

Este home incansábel colaborou con Cántigas da Terra de maneira notábel. Traballou, en parcería con Manuel Fernández Amor, na elaboración de pezas teatrais musicadas (foi director artístico do Coro) e na recolla de varias ducias de melodías que hoxe custodiamos no Arquivo do Coro (Pandeirada de Nebra, Foliada de Portosín, Foliada de Muros, Desafío da Maía, etc). Tamén completaba con coplas propias aquelas recollas das que, pola razón que fose, só se conservaba unha letra ou ningunha.

Como colofón sinalar que foi Iglesias Roura o artífice do nome "Cántigas da Terra". Segundo comenta Xerardo Roque nunha entrevista (La Voz de Galicia, 1948): "Estábamos indecisos, nos sugerían nombres a montones. Por aquellos días un vate regional publicó un tomito de poesías y una de ellas la titulaba "Cántigas da Terra". Don José Iglesias Roura no titubeó un momento. Aquél era el indicado."

Este home "dos bos e xenerosos" ben merece unhas liñas de lembranza con cariño e gratitude.

1 de agosto de 2010

Lembrando a Mauricio Farto Parra (1867-1947)


Resulta curioso que moitos dos grandes compositores e recompiladores de folclore galego naceron alén das nosas fronteiras e, ao longo da súa vida, demostraron un amor tan grande por este chan que dificilmente pode ser superado por outros tantos daquí. Tal é o caso do xenial compositor e director de Cántigas da Terra, Mauricio Farto Parra, nado en Valladolid na segunda metade do S.XIX.

Aínda que con ascendencia galega, Farto véu descubrir o seu amor por Galiza escoitando a Banda Isabel II, que interpretaba temas de noso ao estar formada na súa maioría por galegos. Tamén esencial foi Xosé Braña Muíño, director da Banda do Rexemento Nº8 con sede na Coruña, que a raíz dunha actuación en terras castelás, animouno a trasladarse á cidade do vento. Xa aquí, Braña soubo sementar no compositor mozo toda a maxia das melodías propias. Cara 1902, a Banda estreou a primeira obra galega de Farto, “Froleos”, chea de motivos tradicionais. Nestes anos fundou a rondalla Blanco y Negro, dirixiu o Orfeón El Eco e conseguiu praza fixa de alguacil na Audiencia Territorial.

Desde a súa chegada á Coruña, axiña tomou contacto coa intelectualidade rexionalista-galeguista da altura. Nomeadamente frecuentou a Libraría Rexional de Uxío Carré até o seu peche en 1908. Alí amigouse con Lugrís Freire, Xosé Baldomir, Eladio Rodríguez e tantos outros. Nestas tertulias Víctor Said, membro do pioneiro coro Aires da Terra, fixo decatarse aos presentes da importancia destas agrupacións na recuperación da personalidade de Galiza. Farto tomou boa nota e propuxo a creación do orfeón Follas Novas (sen relación co actual), onde interpretar temas tradicionais e composicións del, mais a iniciativa non prosperou. Porén, un grupo de mozos axiña promoveron a creación de Cántigas da Terra, coro enxebre con grupo de teatro, que verá a luz a fins do 1916 baixo a presidencia de Eladio Rodríguez e a dirección do mestre Farto. O seu fito máis sinalado nesta etapa é a estrea da muiñeira “O Quer que lle quer” durante o descubrimento dunha placa conmemorativa na casa natal de Curros.

En 1922 deixou Cántigas para fundar Queixumes dos Pinos, que só duraría dous anos. O incasable Farto continou na súa teima de atopar unha agrupación que interpretase as súas composicións e, finalmente, será Saudade quen cumpra o seu desexo. Para este coro creou varias estampas con Leandro Carré (“A espadela”, “Unha palillada en Camariñas”...) e mesmo unha zarzuela galega con libreto de Antón Vilar Ponte titulada “A probiña que está xorda”, sobre o coñecido poema de Rosalía. Estas obras foron concebidas para orquestra (con gaita) e voces.

En vida colleitou numerosas homenaxes, expresión de profundo afecto polo mestre Mauricio Farto. Os últimos anos viviunos na súa casa da rúa do Socorro da Coruña, onde finou en 1947.

Con todo, a súa dimensión máis descoñecida e quizais a máis importante é a de recompilador de folclore musical. Co seu traballo de afinador de pianos, Farto adicouse boa parte da súa vida a percorrer aldeas e romarías transcribindo cantos de arrieiro, alalás, maneos, pandeiradas e un sinfín de melodías autóctonas. O historiador Ramiro Cartelle contabilizou no seu arquivo duascentas recollas.

A maioría das orquestras sinfónicas, bandas de música e corales céntranse hoxe en día e case por enteiro ao repertorio foráneo, salpicando no mellor dos casos algunha pincelada de País coas catro obras sobradamente coñecidas. Mágoa. Hai pouco tiven a fortuna de visitar parte do arquivo de Farto que hoxe se atopa depositado na coruñesa Academia de Belas Artes. Todo un luxo para constatar unha realidade tan emocionante como triste: a alma musical de Galiza metida nun caixón.