21 de agosto de 2009

A língua na música do País


Calquera persoa interesada na análise dunha determinada cultura (incluída a hexemónica) vai atopar ao comezo do seu camiño a ineludíbel presenza da globalización, tanto na súa dimensión espacial como temporal. Espacial entanto erradica a idiosincrasia e o xeito entender a vida de cada povo, de cada familia, de cada persoa. Temporal entanto racha a transmisión interxeracional do saber colectivo e da experiencia. Todo isto vese substituído ás présas por valores e coñecementos deslocalizados e impersoais, tal que un tsunami. O resultado é unha amnesia do propio na memoria colectiva e polo tanto o inicio dun camiño descoñecido no que nos afunde o medo a ollar cara atrás.

As máis das ferramentas e enxeños empregados na sociedade rural caen en desuso e desacreditación ao seren substituídos por tecnoloxías máis desenvolvidas, habitualmente procedentes doutras latitudes. Os costumes mudan radicalmente, sobre todo coa emigración ás cidades e coa aparición dos medios de masas. O galego convéncese a si propio de que o cambio foi necesario e olla con desprezo a realidade que abandona. Mete no mesmo saco do esquecemento todos os compoñentes da súa antiga vida e evita transmitirlle esa memoria aos fillos! Carros, zocas, arados, muíños... mais tamén verbas, topónimos, xiros, música, técnicas, xeitos de ser: o coñecemento todo!! No mellor dos casos estes saberes ficarán como elementos de museo, cando non esquecidos irremediabelmente. Por qué a realidade inmaterial tamén é relegada?

No aspeito musical, Galiza comezou xa a fins do século XIX a tomar conciencia deste problema de base. Grandes estudosos comezan a recoller melodías, xiros, letras... mais tamén tentan proxectar este legado cara o futuro e crean os coros galegos, nesta etapa sempre asociados ao agromar do nacionalismo galego. Exprésanse musicalmente na língua Nai. Non hai lugar para letras en castelán. En troques, hoxe en día moitas agrupacións, pretendendo reflexar “tal cual” as recollas, presentan ao público letras nos dous idiomas.

É pois esencial distinguir por un lado as propias recollas como documento histórico e por outro o que se pretende facer con elas. A decisión dos coros e de moitos grupos folque para expresarse só en galego diante do público (aínda sendo conscientes das recollas en castelán) responde aos seguintes postulados:

- As letras e as músicas populares son esencialmente “independentes”. Mudan tanto espacial como temporalmente.
- As letras en castelán son de recente creación ou importadas. Nunca arraigadas no povo xeracionalmente.
- Como documento, as recollas deben ter garantida a máxima fidelidade aos seus informantes. Como presentación ao público e proxección cara o futuro, débense garantir aqueles aspeitos esenciais para a preservación da cultura galega, desbotando mesmo se for necesario aqueloutros máis recentes que poñan en xaque esta idiosincrasia (tal é o caso do castelán).

Á luz destes principios pódese observar que non é tan crítica esta “perda” de fiabilidade, senón mellor aínda: un verdadeiro xeito de preservación da xenuinidade. Cómpre o intervencionismo. Non hai lugar para ollar tras do vidro e agardar como o teito da casa se derruba. O tempo dirá quen tiña razón.

3 comentários:

  1. efectivamente,

    a miña opinón é que a xente que comezou a cantar en castelán, nos lugares e mesturandoo co galego, non tiña unha mente de recolla como se ten hoxendía, nese campo, era daquela, algo actual, como se hoxe mesturamos o quikichiki cunha foliada... sen embargo, hoxe e para sempre, a mentalidade debera ser analizadora do que se ten e do que se quere facer e a onde se pretende chegar co que se fai; está claro que moita xente non se para a pensalo, pero que se o fixeran a maioría estaría dacordo que necesitamos continuamente reconstruirnos como país, para o cal, flaco favor se fai falando aos fillos e netos en/e únicamente castelán, ou para o caso, prentendendo conservar e difundir coplas tradicionais en castelán, que non fan se non minar a nosa cultura tal como o movemento pseudoescocés gaiteiro marcial.

    Outro debate é ata que punto ten sentido recoller hoxendía, 100 anos despois das recollas dos coros... e 75 e 50 anos despois da chegada da radio e televisión ás aldeas e a influencia, por exemplo, do luar e do alalá e outros progrmas, á hora da fiabilidade e calidade do que se recolle, dende un punto de vista xenuino e sen esa especie de influencia e contaminaciòn exterior polos medios, cando se pretende e se presume, de rigurosidade... non tería acaso, máis proveito, difundir e practicar vivindo cantando o que se recolleu, iso, sí, de modo indiscutible, hai 100 anos e darlle unha dirección de pais na sociedade actual ? mirando ao futuro... ? (non se entenda con isto crear novos inventos e escarallar as pezas antigas adornando de xeito insípido a nosa música)

    Debemos ter claro nos diferentes campos da vida o que é noso, e ser nós mesmos, decatándonos de que non sempre o importado ten que ser millor, ou que polo feito de selo no seu caso, debéramos usalo e abandoar o noso sen un análise sinxelo e previo das consecuencias, por exemplo, está ben abandoar o xeito de traballo con carro romano, por que ? pois porque fai a vida máis doada e amable ao corpo humán e á dignidade das persoas, podendo recurrir e rendir millor cun tractor, pero non por elo debemos esquecer o que era o carro e valorar, dese xeiro cómo era antes a custión e o que aforramos co tractor... e non por elo tampouco, debemos deixar o galego e empezar a falar o castelán ou o ingles para traballar a terra... ou para dirixirnos aos nosos fillos e netos, no campo e na cidade.

    Imaxinen que os fillos e netos se revelan, sendo xa rapaces grandiños, e lle din a un mesmo, "por que me habeis ocultado el gallego para hablarme desde que nací?, ahora sólo sé hablar castellano, en vez de saber ambas lenguas" ... e iso sería no millor dos casos, xa que demostraría unha reflexión optimista reflexando interese polo galego...; a realidade é incluso peor, xa que nen avós, pais e netos, en moitos casos, chegan a este punto de reflexión, morrendo así o galego definitivamente con eles, se cadra os netos dos netos formularán a pregunta, algún día ou non, seguramente demasiado tarde, e prescindindo xa da fonte orixinal para surtirse da fala familiarmente.

    bueno, aló van esta serie de ideas e opinións, recollidas de distintos debates entre amigos, e outras fontes, e coas miñas palabras,

    vivamos en galego, e sexamos nos mesmos. o castelán é imposible non sableo e aprendelo, é que é totalmente imposible hoxendía, o outro é tristemente unha realidade.

    saúdos
    hugo

    ResponderExcluir
  2. Sen saber en exceso sobre o cancioneiro, parece-me rechamante que nas coplas aparezan letras en castelán o que seguramente contrasta co refraneiro onde non se dá este fenómeno.

    Por outro banda, a min persoalmente o que me parece excesivo é intervencionismo sobre o galego do cancioneiro e sobre os ricos fenómenos fonéticos que se eliminan. Aí fican os exemplos de cántigas en zonas de seseo e gheada que son cantadas cunha pronúncia normativa.

    En canto ao expresado por Hugo sobre o valor do galego, coido que un país cun folclore musical tan rico coma o noso vai seguir conservando-o. E evidentemente pode acontecer que ese folclore sega vizoso cando outros usos da língua están decaídos. Neste sentido lembro un concerto espectacular dun coro bretón que cantaron cancións tradicionais en bretón e temas novos compostos en bretón a partir das lendas próprias. Logo, á hora da cea, practicamente só se sentía falar en francés.
    Coido que iso vai chegar, ou xa está aquí, mais son cousas que non teñen que ver co propio folclore senón co uso social da língua.

    ResponderExcluir
  3. Lois, no cancioneiro (polo menos no de Cántigas) non aparecen letras en castelán. Isto é froito da antigüidade das recollas. En troques, nas máis recentes (que levan a cabo os grupos folclóricos creados de hai 30 anos para aquí) si aparece este fenómeno, pois xa hai radio-tv e o poder colonizador abrangue máis campos.

    A propósito do tema de que no futuro (e no presente) se cantará en galego e se falará en español, direi que os coros (a diferenza doutros modelos) pretenden en orixe que non só o canto se faga en galego, senón manter o uso do noso idioma en todos os ámbitos. Así as Irmandades crearon, ademais dos coros, grupos de teatro, grupos de estudo, etc. As agrupacións folclóricas que agora capitanean a música do País non prantexan a cultura de xeito vivo, senón de xeito morto (tal que un museu). Eis o problema.

    EN RESUMO: Unha cousa é o que se recolle e outra é o que pretendemos que perdure!

    Por certo, levo tempo loitando para que se inclúa a gheada coruñesa en Cántigas, mais polo intre non o consigo...

    ResponderExcluir