4 de dezembro de 2009

O pecado orixinal


Certo día, cando aínda non había internet nas casas, Eva e Adán foron a unha tenda de música e viron un cd que lles gustaba, pero custaba un mundo de cartos. Eva propúxolle a Adán mercar só un e pagar a medias, pois coñecía un amigo que podía facerlles unha copia. A outra opción tivera sido non mercar NADA.

Hoxe en día, Adán é enxeñeiro e está a desenvolver unha aplicación propia. Para gardar copias de seguridade do seu traballo ten unha gravadora. Polos cds virxes, pola conexión a internet, polos discos duros, polas memorias usb, pola impresora e polo escáner pagou varias veces o “pecado orixinal” que nunca vai cometer. É máis, cando el decida distribuir o seu programa, ninguén lle vai reportar os cartos do canon, posto que non está afiliado á SGAE (e en caso de estalo só reportaría o 6% dos beneficios, o resto vai para as discográficas (!?) e entidades que xestionan os dereitos de autor).

Outro día, Adán foi a unha ferretería, mercou un coitelo e matou a súa muller. O coitelo non tiña gravado canon ningún, pero cometeu o maior “pecado orixinal”: matou a unha persoa! Habería, pois, que lle poñer un canon aos coitelos cos que pelamos as patacas cada día?? Co canon os cidadáns sabemos que a “piratería” non vai acabar, senón que dalgunha forma estánnos lexitimando esta práctica.

Doutra banda, reflexionemos sobre o término “piratería” cun exemplo que usa decote David Bravo, avogado de todoscontraelcanon.es: Un home vendía xeo polas casas, facía cartos arreo e estaba contento co negocio; ata que un día descubriu que inventaran o frigorífico! Desde aquela deixou o negocio do xeo e adicouse a xestionar un canon sobre os frigoríficos. El vive máis acomodado que antes e tanto lle ten que pola rúa persigan a inmigrantes que venden xeo con frigoríficos “pirata”...

O verdadeiro pecado orixinal foi ter concebido así a SGAE, sempre coa complicidade dos distintos Gobernos do Estado!! A SGAE funciona como unha empresa, onde os accionistas son os “gurús do canon”, catro músicos fracasados, as discográficas e, por último, algúns autores. Eis o verdadeiro paraíso: xestionar os cartos do canon e distribuílos ao seu antollo. Así, un músico que rexistre a súa obra no Rexistro da Propiedade Intelectual e non estea afiliado, non recibirá parte do beneficio dese canon! Converteuse na ditadura da propiedade intelectual. Percorren festas privadas, festivais benéficos cobrando impostos revolucionarios, mentres que as músicas tradicionais e as anónimas están indefensas fronte a apropiacións indebidas! Elimina outras formas de facer cultura: o copyleft, a creative commons, a GPL... e a pasos axigantados está a restrinxir os nosos dereitos fundamentais. Agora tócalle á Lei de Economía Sostible, na que un “comité de expertos” pode decidir o peche de calquera web, que consideren “pirata”. Se cadra mañá xa non podedes ler este mesmo blogue... “Cuídense porque andan sueltos”, que diría Gardel.