3 de janeiro de 2011

A importancia da regueifa

















Unha das habilidades máis fermosas do ser humano é a improvisación. Non só é un recurso imprescindible decote, senón que as máis das veces asombra por ser tan áxil e creativa. De xeito inherente, vive nas culturas de todos os pobos, onde moitos deles xa a transformaron en arte. A arte da improvisación aparece sempre asociada a outros xéneros culturais e resulta ser a fonte principal de creación colectiva. Un torrente de ideas que, a modo de peneira, garda no imaxinario común aquelas composicións que máis gostan, mentres que o resto marchan por onde viñeron.

Dentro das múltiples formas en que se presenta, a improvisación oral é a máis estendida por razóns lóxicas de dominio da linguaxe. Tamén dentro da oral, as variantes cóntanse por centos, xogando con elementos como a rima, métrica, o léxico, as aliteracións... Na nosa Terra a improvisación máis coñecida e estendida é a regueifa, aínda que existen variantes como os brindos ou as loias, todas elas baseadas na rima.

O seu uso máis estendido era nos casamentos, onde se celebraba un baile co pan de vodas: a regueifa. Con todo, cremos que esta arte naceu nas fiadas, muiñadas, mallas, seráns, foliadas... festas colectivas onde os veciños sacaban cuartetos a eito, e daí ao desafío hai unha estrada seguida. Aquelas coplas de máis éxito ficaban no maxín e viaxaban de aldea en aldea, moitas delas chegando ata nós. Case de certo que algunhas das máis soadas naceron en regueifa:

“Vai calando, vai calando
cara de cañoto seco
vai calando, vai calando,
que contigo non me meto”

“Arriba pandeiro roto,
abaixo manta mollada,
que onde estamos as mulleres
os homes non valen nada”

“Unha noite me colleron
nunha fiada de la(n)
unha noite me colleron
outra non me collerán”

A regueifa xa foi tomada en consideración e posta en valor co nacemento dos Coros Galegos. No primeiro terzo do século XX, estas agrupacións levaron aos teatros e campos da festa loias e regueifas con idea de dignificar este patrimonio colectivo. Sobre a escena dous regueifeiros: Xosé Cao da Artística de Vigo e Xan Pena de Cántigas da Terra. Deste último sabemos que aprendeu esta arte asistindo regueifas tradicionais, especialmente na zona de Bergantiños.

Nesa Terra dase tan ben a regueifa como o pan ou as patacas. Así, en tempos máis recentes, é de xustiza lembrar a xenial mestría dos bergantiñáns Costa de Xaviña, Calviño de Tallo, Celestrino de Leduzo (Cerqueda) e tantos outros que xa non están entre nós. E os que aínda reparten moita alegría: Fermín da Feira Nova (Coristanco), Guillermo da Rabadeira e Antonio e Suso de Xornes. Eles están a colaborar coas asociacións para levar a regueifa aos máis novos nas escolas, presentándoo como un legado dos nosos maiores divertido e enxeñoso. Tamén por todo o País regueifan Pinto d’Herbón, Trioliro Regueifeiros (Luis O Caruncho, Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira), Xurxo Souto... e cada vez somos máis os que nos sumamos a esta arroutada creativa. Mesmo en Valadares crearon unha escola de regueifa que está a formar unha excelente canteira.

Eis a liña de traballo que nos cómpre. A vida dunha cultura e, por ende, a do pobo ao que pertence mídese polo estadio de creación anónima. Sen dúbida, a regueifa ten que ser a nosa banda sonora no día a día. Na taberna, paseando, no mercado, agardando o bus... calquera lugar é propio para regueifar e sermos poetas e protagonistas da invención colectiva.

“Por hoxe xa me despido,
cunha regueifa das miñas:
vivan sempre os d’A Xanela,
e a bisbarra das Mariñas!”